Friday 19 de April de 2024

O Concello de Boqueixón e Compos Tours organizan este domingo unha ruta literaria gratuíta cara o Pico Sacro


Inscricións en boqueixonturismo@gmail.com ou 981 513 061

O Concello de Boqueixón e Compos Tours organizan este domingo 12 de setembro, ás 11:00 horas, un roteiro literario cara o Pico Sacro. Trátase dunha andaina teatralizada que terá lugar desde o Centro de Interpretación do Pico Sacro ata o cumio do monte sagrado. Durante o percorrido, as persoas participantes atoparanse con personaxes coma Castelao, Neira Vilas ou Avelina Valladares que lles recitarán fragmentos das súas obras relacionadas co Pico Sacro.

Este roteiro literario forma parte da programación do ciclo “Un mes e Pico”, organizado polo Concello de Boqueixón en colaboración co Xacobeo 21-22 e a Xunta de Galicia. A participación é totalmente de balde, se ben a situación sanitaria actual fai que o número de prazas sexa limitado e sexa imprescindible inscribirse previamente no mail boqueixonturismo@gmail.com ou chamando ao teléfono 981 513 061. Ademais, durante a actividade as persoas participantes deberán levar posta a máscara e manter a distancia de seguridade.